Proverbios
1 Proverbios de Salomón, fillo de David, rei de Israel,
2 Para aprender sabedoría e boas maneiras,
para comprender ditos intelixentes,
3 para adquirir doutrina asisada,
o dereito, xustiza e boa lei,
4 para lle dar ó inexperto habilidade
e ó rapaz novo, ciencia e discernimento;
5 —o sabio escoita e acrece o seu saber,
o intelixente adquire a arte de se gobernar—
6 para dar co senso dun refrán ou dun dito agudo,
das sentencias dos sabios e das adiviñas.
7 O temor do Señor é o comezo do saber;
só os necios se burlan da Sabedoría e da Instrucción.
8 Filliño, escoita a instrucción de teu pai
e non refúgue-lo ensino de túa nai;
9 serán unha graciosa diadema na túa cabeza
e un colar no teu pescozo.
10 Meu fillo, se os pecadores tencionan enganarte
non llelo consintas.
11 Se din: —“ven connosco,
fagamos unha emboscada ás agachadas,
axexémo-lo inocente porque nos peta,
12 devorémolos en vivo como fai o Xeol,
nunha peza, coma ós que descenden para a cova,
13 atoparemos toda clase de cousas prezadas,
imos enche-las nosas casas de espolios.
14 ¡Bota a túa sorte connosco,
imos facer bolsa común!”.
15 Meu fillo, ¡non os acompañes nesa viaxe!
¡Afasta as túas pegadas dos seus vieiros!
16 Porque as súas pernas corren ó mal,
danse présa a esparexe-lo sangue;
17 (pois en van se lanza a rede
á vista mesma dos seres alados)
18 e eles están a insidiar contra o propio sangue,
axexan, pero contra as propias vidas.
19 Tales son sempre os camiños de quen cobiza ganancias
que perden as vidas dos seus donos.
20 A Sabedoría bota o pregón pola rúa,
alza a súa voz polas rúas,
21 fai a prédica desde o alto dos muros,
ás entradas das portas da vila di o seu discurso:
22 —“¿Ata cando, inxenuos, amaréde-la inxenuidade,
e os burlentos se gozarán coa burla
e os parvos refugarán o saber?
23 Se vos convertedes cando vos amoeste,
fareivos burbulla-lo meu ánimo,
comunicaréivo-los meus pensamentos.
24 Mais xa que vos chamei e recusastes,
tendínvo-la man e ninguén atendeu,
25 rexeitastes calquera consello meu
e non acolléste-la miña reprensión,
26 tamén eu vou rir da vosa desgracia
e botar gargalladas cando vos chegue o terror:
27 cando o medo vos sorprenda coma un turbón
e vos veña a calamidade coma unha treboada,
cando se vos acheguen agonía e angustia.
28 Berrarán por min daquela, mais non responderei,
ergueranse cedo a procurarme, e non me atoparán.