Maio
Xoves 1 de maio
Estaba a punto de vir unha época de moita fame (Feit. 11:28).
Os cristiáns do primeiro século víronse afectados por “unha gran fame por toda a terra”. Seguro que os pais estaban preocupados por como ían conseguir comida para as súas familias. E que pasaría cos rapaces que fixeran plans para predicar máis? Poderían pensar que era mellor deixalo para máis adiante? Sen importar as súas circunstancias, estes cristiáns adaptáronse e seguiron predicando o máximo posible. Ademais, estaban moi contentos de poder compartir as cousas que tiñan cos seus irmáns e irmás de Xudea (Feit. 11:29, 30). Os que recibiron axuda, puideron ver de maneira clara a man de Xehová (Mat. 6:31-33). Ademais, debéronse de sentir máis unidos ós irmáns que lles axudaron. E os que fixeron doazóns ou participaron dalgunha outra maneira nos labores de socorro sentiron a felicidade que produce dar (Feit. 20:35). w23.04 páx. 16 pars. 12, 13
Venres 2 de maio
Estamos tamén certos de que xa conseguímo-lo que lle estamos pedindo (1 Xoán 5:15).
Ás veces, Deus contesta as oracións dos seus servos facendo que algunhas persoas que non o adoran lles axuden. Por exemplo, motivou o rei Artaxerxes para que lle permitise a Nehemías volver a Xerusalén e axudar coa reconstrución da cidade (Neh. 2:3-6). Hoxe en día, Xehová tamén pode facer que incluso as persoas que non o adoran nos axuden cando o necesitamos. Normalmente Xehová non responde as nosas oracións de maneira espectacular, pero as súas respostas sempre son xusto o que necesitamos para manternos leais a el. Así que estate atento para ver como che responde. Saca tempo de vez en cando para reflexionar en como está contestando Xehová as túas oracións (Sal. 66:19, 20). Para demostrar que temos fe non só debemos orarlle a Xehová, senón tamén aceptar a súa resposta sen importar cal sexa (Heb. 11:6). w23.05 páx. 11 par. 13; páx. 12 pars. 15, 16
Sábado 3 de maio
Face-la túa vontade, meu Deus, é o que eu quero (Sal. 40:9 [40:8, TNM]).
Cando nos dedicamos a Xehová prometémoslle que o adorariamos e que fariamos o que el quere, e temos que cumprir con ese voto. Vivir de acordo coa nosa dedicación non é unha carga pesada pois, á fin e ó cabo, Xehová creounos para facer a súa vontade (Apoc. 4:11). Fíxonos á súa imaxe e con necesidades espirituais, é dicir, co desexo de coñecelo e adoralo. Como resultado, podemos ter unha amizade estreita con el e fainos felices servilo. Ademais, cando facemos o que Xehová quere e imitamos a Xesús, cúmprense as seguintes palabras: “Atoparedes acougo para as vosas almas” (Mat. 11:28-30). Así que, sigue fortalecendo o teu amor por Xehová meditando en tódalas cousas boas que xa fixo por ti e nas que fará no futuro. Canto máis ames a Xehová, máis fácil che será obedecelo (1 Xoán 5:3). Xesús conseguiu facer a vontade de Deus porque lle oraba pedíndolle axuda e porque se centrou nas recompensas (Heb. 5:7; 12:2). Igual ca Xesús, pídelle a Xehová que che dea forzas, e ten sempre en mente a esperanza da vida eterna. w23.08 páxs. 27-28 pars. 4, 5
Domingo 4 de maio
É que abusas da súa inesgotable bondade, do seu aguante e da súa paciencia, e non te decatas de que esa bondade de Deus está tratando de te encamiñar cara ó arrepentimento? (Rom. 2:4).
A todos nos gustan as persoas pacientes. Respectamos a quen é capaz de esperar por algo sen impacientarse. E tamén valoramos que demostren esta calidade con nós cando cometemos erros. Ademais estamos moi agradecidos de que o noso mestre da Biblia fose paciente cando nos custaba aprender, aceptar ou aplicar algunha ensinanza bíblica. Pero, sobre todo, dámoslle moitas grazas a Xehová por ser paciente con nós. Aínda que valoramos moito que outros sexan pacientes, pode que a nós mesmos se nos faga difícil demostrar esta calidade. Por exemplo, quizais nos custe manter a calma cando estamos nun atasco de tráfico, sobre todo se imos tarde. Poida que perdamos os nervios cando alguén di ou fai algo que nos irrita. E, ás veces, pódesenos facer difícil seguir esperando polo novo mundo que promete Xehová. w23.08 páx. 20 pars. 1, 2
Luns 5 de maio
Mandou Guideón a tódolos homes de Israel para a súa tenda, e quedou soamente cos trescentos (Xuí. 7:8).
Tan pronto Xehová llo pediu, Guideón mandou a case tódolos soldados para a casa, reducindo o seu exército máis dun 99%. Pode que pensase: “Este cambio é realmente necesario? Sairá ben?”. Fose como fose, Guideón obedeceu. Hoxe en día os anciáns imitan a Guideón sendo obedientes cando a organización lles di que hai que facer algo de maneira diferente (Heb. 13:17). Guideón obedeceu a Deus a pesar de que sentía medo e de que o que tiña que facer poñería en perigo a súa vida (Xuí. 9:17). Xehová dixéralle que estaba do seu lado, por iso Guideón estaba totalmente convencido de que el lle axudaría a protexer o resto do pobo. O exemplo de Guideón tamén pode axudarlles ós anciáns que viven en zonas onde a nosa obra está prohibida. Estes irmáns demostran moito valor ó dirixir e participar nas reunións e na predicación a pesar de expoñerse a ser arrestados, interrogados, maltratados e a perder o emprego. Durante a gran tribulación, os anciáns terán que ser valentes para obedecer as instrucións que reciban, aínda que sexa perigoso. w23.06 páxs. 5-6 pars. 12, 13
Martes 6 de maio
Eu honro ós que me honran (1 Sam. 2:30).
Xehová fixo que se incluíse na Biblia a historia do sumo sacerdote Iehoiadá para que poidamos aprender dela (Rom. 15:4). E cando morreu déuselle o honor especial de ser enterrado “cos reis na Cidade de David, porque foi bo con Israel, con Deus e co seu templo” (2 Crón. 24:15, 16). O exemplo de Iehoiadá pode axudarnos a cultivar amor por Deus. Os anciáns cristiáns poden imitalo manténdose alerta e buscando sempre maneiras de protexer a congregación (Feit. 20:28). Os irmáns maiores poden aprender de Iehoiadá que, cando temen a Xehová e lle son leais, el pode utilizalos para cumprir o seu propósito. Os máis novos poden aprender moito de como Xehová tratou a Iehoiadá e imitalo tratando os irmáns maiores con dignidade e respecto, sobre todo a aqueles que levan moitos anos servindo fielmente a Deus (Prov. 16:31). Igual ca eles, nós tamén debemos obedecer e apoiar lealmente os irmáns que dirixen a congregación (Heb. 13:17). w23.06 páx. 17 pars. 14, 15
Mércores 7 de maio
Os labios do xusto nutren a moitos (Prov. 10:21).
Nas reunións, sé prudente ó decidir con canta frecuencia vas levantar a man. Se a levantas todo o tempo, poderías facer que o irmán que dirixe esa parte se sinta obrigado a darche comentario varias veces a ti, en vez de a outros que aínda non puideron participar. Isto podería desanimalos e facer que deixen de levantar a man (Ecl. 3:7). Se hai moitos publicadores que levantan a man, ó mellor non poden comentar tanto como lles gustaría. Ás veces, é probable que o irmán que dirixe esa parte non lles poida dar comentario a todos. Iso pode desanimar, pero non nos debería parecer mal se non nos dan comentario (Ecl. 7:9). Que máis podes facer se non comentas tanto como che gustaría? Podes estar atento ó que comenten os demais para felicitalos despois da reunión. Iso pode animalos tanto coma os comentarios que che gustaría facer. w23.04 páxs. 23-24 pars. 14-16
Xoves 8 de maio
O meu corazón, Deus, está firme (Sal. 57:8 [57:7, TNM]).
Estuda a Palabra de Deus e medita nela. Igual que unha árbore necesita raíces profundas para manterse en pé, nós tamén necesitamos ter unha fe ben fundamentada na Palabra de Deus para manternos firmes. A medida que unha árbore vai medrando, as súas raíces esténdense e fanse máis profundas. Do mesmo xeito, cando estudamos a Biblia e meditamos nela, fortalécese a nosa confianza en que o que Deus nos pide é o mellor para nós (Col. 2:6, 7). Párate a pensar en como Xehová ensinou, guiou e protexeu os seus servos no pasado. Por exemplo, Ezequiel prestou moita atención a unha visión na que aparecía un anxo medindo un templo con moito detalle. Esta visión fortaleceu moito a Ezequiel, e a nós dános leccións prácticas sobre como cumprir as normas de Xehová e darlle adoración pura (Ezeq. 40:1-4; 43:10-12). Beneficiámonos moito cando dedicamos tempo a estudar e meditar nas ensinanzas profundas da Palabra de Deus. Podemos manter un corazón firme se confiamos completamente en Xehová (Sal. 112:7). w23.07 páx. 18 pars. 15, 16
Venres 9 de maio
Protexe a capacidade de pensar (Prov. 3:21).
A Biblia está chea de exemplos de homes novos que amaron a Xehová e coidaron dos servos del atendendo diferentes responsabilidades. Tamén podes encontrar irmáns exemplares na congregación e na túa familia (Heb. 13:7). E sobre todo tes a Xesús, que nos deixou un modelo perfecto (1 Ped. 2:21). Mentres analizas coidadosamente estes exemplos, pensa nas calidades que máis admiras deles (Heb. 12:1, 2). Despois decide como queres imitalos. Un home con capacidade de pensar non actúa por impulso, senón que analiza con coidado tódalas opcións antes de decidir o que vai facer. Conseguir e manter esta habilidade non é fácil. Primeiro aprende na Biblia o que pensa e sente Xehová e despois reflexiona en por que é bo para ti facer o que el che di. A continuación, usa o que aprendiches para tomar decisións que lle agraden a Deus (Sal. 119:9). Este é un paso enorme para chegar a ser un cristián maduro (Prov. 2:11, 12; Heb. 5:14). w23.12 páxs. 24-25 pars. 4, 5
Sábado 10 de maio
Estade sempre dispostos a responder a todo aquel que vos pida razón da esperanza que levades dentro. Pero respondede con bo xeito e con respecto (1 Ped. 3:15, 16).
Os pais poden ensinarlles ós seus fillos a responder de maneira calmada cando alguén cuestione as súas crenzas (Sant. 3:13). Algúns fan sesións de práctica durante a adoración en familia. Nelas analizan temas típicos que poden xurdir nas escolas para que os seus fillos saiban como dar unha resposta ben razoada, calmada e interesante. As sesións de práctica poden axudar ós cristiáns a convencerse a si mesmos de que as súas crenzas están ben fundadas. Tamén a utilizar argumentos sólidos cando teñan que defendelas ante outros. Na categoría “Jóvenes” de jw.org en español podes encontrar a sección “Ponlo por escrito”. Esta sección está deseñada para axudarlles ós adolescentes a estar convencidos do que cren e a prepararse para dar respostas coas súas propias palabras. Se estudades como familia as seccións “Ponlo por escrito” e “Los jóvenes preguntan” todos poderedes aprender como defender a vosa fe de maneira calmada e atraente para os demais. w23.09 páx. 17 par. 10; páx. 18 pars. 15, 16
Domingo 11 de maio
Non cansemos de face-lo ben, que, coma esmorecer non esmorezamos, cumprido o tempo habemos ter boa colleita (Gál. 6:9).
Algunha vez se che fixo difícil alcanzar unha meta espiritual? Se é así, non es o único. Por exemplo, Philip quería orarlle máis a Xehová e mellorar a calidade das súas oracións, pero non conseguía sacar tempo para facelo. Erika tiña a meta de chegar a tempo ás reunións para predicar, pero case sempre seguía chegando tarde. Se xa tes unha meta que aínda non alcanzaches, non te desanimes. Normalmente fai falta tempo e esforzo, incluso se é unha meta pequena. O feito de que sigas intentando alcanzala demostra que a túa relación con Xehová é moi valiosa para ti, e que queres darlle o mellor. El valora moito os teus esforzos e nunca espera que lle deas máis do que lle podes dar (Sal. 103:14; Miq. 6:8, TNM). Así que deberías ter en conta as túas circunstancias e poñerte un obxectivo razoable. w23.05 páx. 26 pars. 1, 2
Luns 12 de maio
Se Deus está connosco, quen contra nós? (Rom. 8:31).
Poida que as persoas valentes tamén sintan medo, pero non permiten que isto lles impida facer o correcto. Daniel foi un mozo moi valente. Estudou o que escribiran os profetas de Deus, incluídas as profecías de Xeremías. Grazas a ese estudo, deuse conta de que os xudeus pronto serían liberados de Babilonia (Dan. 9:2). Ver que as profecías da Biblia se cumprían tivo que fortalecer moito a súa confianza en Xehová. E os que, coma Daniel, confían plenamente en Deus poden chegar a ser moi valentes (compara con Romanos 8:32, 37-39). Pero, sobre todo, este home fiel tiña o costume de orarlle ó seu Pai celestial con frecuencia (Dan. 6:11 [6:10, TNM]). El confesoulle os seus erros a Xehová, contoulle como se sentía e pediulle axuda (Dan. 9:4, 5, 19). Igual ca nós, Daniel non naceu sendo valente, pero puido cultivar esa calidade grazas ó estudo, á oración e á súa confianza en Xehová. w23.08 páx. 2 par. 4; páx. 4 par. 7
Martes 13 de maio
Facede que a vosa luz brille diante da xente. Así verán as vosas boas obras e daranlle gloria ó voso Pai que está nos ceos (Mat. 5:16).
Obedecer as autoridades benefícianos tanto a nós coma ós demais. En que sentido? Por un lado, evitamos que se nos castigue por desobedecer a lei (Rom. 13:1,4). Por outro lado, a nosa obediencia tamén pode influír na forma na que ven as autoridades as Testemuñas de Xehová como conxunto. Por exemplo, hai unhas décadas en Nixeria, uns soldados entraron nun Salón do Reino durante unha reunión de congregación. Buscaban uns rebeldes que protestaban polo pago de impostos. Pero o oficial ó mando mandoulles ós soldados que marchasen, e díxolles: “As testemuñas de Xehová sempre pagan os seus impostos”. Cada vez que obedeces unha lei, fas que se manteña a boa reputación do pobo de Xehová. E poida que esta boa reputación protexa algúns dos nosos irmáns no futuro. w23.10 páx. 9 par. 13
Mércores 14 de maio
Cómprevos paciencia para vos conformar coa vontade de Deus e deste xeito consegui-la promesa (Heb. 10:36).
Algúns servos de Xehová levan moito tempo esperando o fin deste sistema. Desde un punto de vista humano, podería parecer que a promesa de Deus tarda en cumprirse. Pero Xehová entende como se poden sentir os seus servos. De feito, aseguroulle ó profeta Habacuc: “Aínda falta para que chegue o tempo fixado da visión, e esta avanza rapidamente cara ó seu final, e non fallará. Aínda que se retrasase, mantente á expectativa! Cumprirase sen ningunha dúbida. Non chegará tarde!” (Hab. 2:3, TNM). Cres que Xehová dixo estas palabras para axudarlle só a Habacuc? Ou teñen algún significado tamén nos nosos días? Deus inspirou o apóstolo Paulo para que aplicase esas palabras ós cristiáns que esperaban con tódalas súas ganas que chegase o novo mundo (Heb. 10:37). Así que, aínda que pareza que se retrasa, podemos estar seguros de que a promesa de Xehová “cumprirase sen ningunha dúbida. Non chegará tarde!”. w23.04 páx. 28 par. 16
Xoves 15 de maio
Tódolos fillos de Israel murmuraron contra Moisés (Núm. 14:2).
Os israelitas rechazaron as probas evidentes de que Xehová lles falaba por medio de Moisés (Núm. 14:10, 11). Negáronse vez tras vez a recoñecer a función que desempeñaba este home. Como resultado, Xehová non permitiu que aquela xeración de israelitas entrase na Terra Prometida (Núm. 14:30). Pero algúns israelitas si que seguiron a guía de Xehová. Por exemplo, Deus dixo que Caleb o obedecera fielmente (Núm. 14:24). Por iso o recompensou e incluso lle permitiu escoller en que zona da Terra Prometida quería vivir (Xos. 14:12-14). E a xeración de israelitas que ía entrar nesa terra tamén puxo un bo exemplo do que implica seguir a guía de Xehová. Cando se nomeou a Xosué para ser sucesor de Moisés, os israelitas “respectárono [...] tódolos días da súa vida” (Xos. 4:14). Como resultado, Deus bendiciunos e deulles a terra que lles prometera (Xos. 21:43, 44). w24.02 páx. 21 pars. 6, 7
Venres 16 de maio
Quen ama a Deus, ame tamén a seu irmán (1 Xoán 4:21).
Igual que un doutor é capaz de saber o estado de saúde do noso corazón ó comprobarnos o pulso, nós tamén podemos saber como está o noso amor por Xehová ó analizar o amor que lles demostramos ós demais. Se notamos que xa non lles queremos ós irmáns tanto coma antes, isto podería indicar que o noso amor por Xehová tamén se está debilitando. Pero se, pola contra, lles demostramos habitualmente que os queremos, isto é un sinal de que o noso amor por Xehová está forte. Se notamos que se debilitou o noso amor polos irmáns, temos un problema. Por que? Porque iso significa que a nosa relación con Xehová está en perigo. O apóstolo Xoán deixouno ben claro cando dixo o seguinte: “Quen non ama a seu irmán a quen está vendo, non pode amar a Deus, a quen nunca viu” (1 Xoán 4:20). Cal é a lección? Xehová só estará contento con nós se nos amamos “uns ós outros” (1 Xoán 4:7-9, 11). w23.11 páx. 8 par. 3; páx. 9 pars. 5, 6
Sábado 17 de maio
Teu pai e túa nai encheranse de alegría (Prov. 23:25).
Cando era novo, o rei Ioax tomou unha boa decisión. Seu pai xa morrera e el deixouse guiar polo fiel sumo sacerdote Iehoiadá, quen o educou coma se fose o seu propio fillo. Grazas ó bo exemplo de Iehoiadá, o rei Ioax decidiu servir a Xehová e axudoulle ó pobo a facer o mesmo. Ata se asegurou de que se reparase o templo (2 Crón. 24:1, 2, 4, 13, 14). Que che estean ensinando a amar a Xehová e a vivir segundo as súas normas, é un regalo moi valioso (Prov. 2:1, 10-12). Teus pais poden ensinarche de moitas maneiras. Se aplicas os consellos que che dá a Biblia, farás moi felices os teus pais. Pero o máis importante é que farás feliz a Deus e a túa amizade con el estreitarase (Prov. 22:6; 23:15, 24).Verdade que todo isto che dá moi boas razóns para imitar o exemplo de Ioax cando era novo? w23.09 páxs. 8-9 pars. 3-5
Domingo 18 de maio
Eu escoitareivos (Xer. 29:12).
Xehová promete que escoitará as nosas oracións. O noso Deus ama os seus servos fieis, por iso nunca ignora as súas oracións (Sal. 10:17, TNM; 37:28). Pero iso non significa que nos vaia dar todo o que lle pedimos. Pode que teñamos que esperar ata o novo mundo para recibir algunhas destas cousas. Xehová ten en conta se as nosas peticións están de acordo co seu propósito (Is. 55:8, 9). Unha parte do seu propósito é encher a Terra de homes e mulleres que vivan felices e unidos baixo o seu goberno. Pero Satanás afirma que ós humanos lles vai mellor se se gobernan a si mesmos (Xén. 3:1-5). Así que Xehová está permitindo a gobernación humana para demostrar que o Demo se equivoca. Como resultado, este tipo de goberno é a causa de moitos dos problemas que temos hoxe en día (Ecl. 8:9). Entendemos que Xehová non vai solucionar todos estes asuntos de momento. w23.11 páx. 21 pars. 4, 5
Luns 19 de maio
Púxente como pai de moitas nacións (Rom. 4:17).
Xehová prometeu que mediante Abrahán bendiciría “moitas nacións”. Pero, cando Abrahán tiña 100 anos e Sara 90 aínda non tiveran ningún fillo e, dende un punto de vista humano, parecía imposible que o fosen ter. Seguro que isto foi unha proba para el. Aínda así, “creu na esperanza e así chegou a ser pai de moitas nacións” (Rom. 4:18, 19). Co tempo, o que esperaba fíxose realidade cando naceu Isaac, o fillo que Deus lle prometera (Rom. 4:20-22). Igual que Abrahán, nós tamén podemos conseguir a aprobación de Deus e que el nos considere xustos e amigos seus. De feito, Paulo mencionou isto cando dixo: “Estas palabras non se escribiron soamente por el [Abrahán], senón tamén por nós. Pois tamén nos vai ‘valer’ a nós que cremos naquel que resucitou dos mortos a Xesús” (Rom. 4:23, 24). Pero, coma Abrahán, nós tamén debemos ter unha fe forte, facer boas obras e confiar en que as promesas de Xehová se farán realidade. w23.12 páx. 7 pars. 16, 17
Martes 20 de maio
Ti ólla-la miña aflicción, e coñéce-las miñas angustias (Sal. 31:8 [31:7, TNM]).
Cando te enfrontes a algún problema que che dea medo, recorda que Xehová é consciente do que estás pasando e de como te fai sentir esa situación. Por exemplo, el non só se daba conta do maltrato que os israelitas estaban soportando en Exipto, senón que tamén coñecía “os seus sufrimentos” (Éx. 3:7). Se estás pasando por unha proba que che dá medo, pode que non vexas como Xehová che está axudando. Nese caso, que podes facer? Primeiro, pídelle que che permita ver como te está apoiando (2 Reis 6:15-17). Despois pregúntate: “Fortaleceume algún comentario ou discurso que escoitei na reunión? Animoume algunha publicación, vídeo ou canción? Compartiron comigo algún pensamento ou texto bíblico tranquilizador?”. É fácil dar por sentado a cariñosa irmandade que temos e o alimento espiritual que recibimos. Pero, o certo é que son regalos de Xehová (Is. 65:13; Mar. 10:29, 30). Todo isto demostra que se preocupa moito por nós e que merece que confiemos nel (Is. 49:14-16). w24.01 páxs. 4-5 pars. 9, 10
Mércores 21 de maio
Fai que os teus escravos sigan falando da túa palabra con moito valor (Feit. 4:29).
Xusto antes de volver ó ceo, Xesús recordoulles ós seus discípulos que lles encargara o labor de ser as súas testemuñas “en Xerusalén, en toda a Xudea e Samaría e ata os confíns da terra” (Feit. 1:8; Luc. 24:46- 48). Pouco despois, os líderes xudeus arrestaron os apóstolos Pedro e Xoán, e leváronos diante do Sanedrín. Alí ordenáronlles que deixasen de predicar e incluso os ameazaron (Feit. 4:18, 21). Pedro e Xoán responderon: “Xulgade por vós mesmos se está ben diante de Deus obedecervos a vós antes ca a El, porque non podemos deixar de falar do que temos visto e sentido” (Feit. 4:19, 20). Cando liberaron a Pedro e a Xoán, os discípulos oráronlle a Xehová para que lles axudase a obedecelo. E Xehová contestou aquela sincera oración (Feit. 4:31). w23.05 páx. 5 pars. 11, 12
Xoves 22 de maio
Este é o meu querido Fillo (Mat. 17:5).
A relación que teñen Xehová e Xesús é a máis antiga que existe no Universo. Levan miles de millóns de anos xuntos no ceo e chegaron a sentir un amor inmenso un polo outro. Como lemos no texto de hoxe, Xehová díxolle claramente a Xesús que o amaba. Podería ter dito simplemente: “El ten a miña aprobación”. Pero, quixo que soubésemos o moito que o quere e por iso o chamou “meu querido Fillo”. El estaba orgulloso do seu Fillo e do que este ía facer (Ef. 1:7). E Xesús non tiña dúbidas do que seu Pai sentía por el. Estaba totalmente convencido de que o amaba. De feito, asegurou en varias ocasións que seu Pai o quería (Xoán 3:35; 10:17; 17:24). w24.01 páx. 28 par. 8
Venres 23 de maio
Máis vale a boa sona cá moita facenda (Prov. 22:1).
Imaxina a seguinte situación: alguén a quen aprecias moito conta algo terrible sobre ti. Ti sabes que é unha mentira, pero outros empezan a crela. E o que é peor, comezan a espallala. Así que, aínda máis persoas a cren. Como te sentirías? É probable que esta calumnia te faga sentir moi mal, verdade? Esta situación pode axudarnos a entender como se sentiu Xehová cando se manchou a súa reputación. Un dos seus anxos contoulle mentiras sobre el á primeira muller, Eva. E ela creunas. Por culpa destas calumnias, Adán e Eva rebeláronse contra Xehová e, como resultado, tódolos humanos pecamos e finalmente morremos (Xén. 3:1-6; Rom. 5:12). Os problemas que vemos no mundo como, por exemplo, a morte, as guerras e o sufrimento existen debido ás mentiras que contou Satanás. Doeranlle a Xehová semellantes calumnias e os problemas que provocaron? Por suposto que si! Pero Xehová non está amargado nin é vingativo. De feito, el segue sendo o “Deus feliz” (1 Tim. 1:11, TNM). w24.02 páx. 8 pars. 1, 2
Sábado 24 de maio
Como podería eu cometer un crime semellante, e pecar contra Deus? (Xén. 39:9).
Como podes ter a mesma determinación que Xosé? Decidindo xa agora como vas actuar ante unha tentación. Aprende a dicir que non inmediatamente ás cousas que Xehová odia, e incluso deixa de pensar nelas (Sal. 97:10; 119:165). Desta maneira non caerás na tentación. Quizais teñas claro que encontraches a verdade e que queres servir a Xehová con todo o teu corazón pero aínda non te sintas preparado para dedicarte e bautizarte. Nese caso, podes facer o mesmo que o rei David. El suplicoulle a Xehová: “Examíname a fondo, Deus; coñece o meu corazón; próbame, e coñece os meus sentimentos. Olla se é torto o meu camiño, guíame ti polo camiño eterno” (Sal. 139:23, 24). Se ti tamén lle pides isto a Xehová demostras que estás buscando a súa axuda e esforzándote por alcanzar a meta da dedicación e o bautismo. E Xehová bendice “os que o buscan” (Heb. 11:6). w24.03 pax. 6 pars. 13-15
Domingo 25 de maio
Non necesita ofrecer sacrificios cada día (Heb. 7:27).
O sumo sacerdote representaba o pobo diante de Deus. Cando se inaugurou o tabernáculo, Aharón foi o primeiro en ser nomeado sumo sacerdote de Israel. Pero o apóstolo Paulo explicou que tivo que haber “moitísimos sacerdotes, porque a morte non os deixaba ser duradeiros” (Heb. 7:23-26). E como eran homes imperfectos, tamén tiveron que ofrecer sacrificios polos seus propios pecados. Esta é unha das diferenzas máis importantes entre os sumos sacerdotes de Israel e o gran Sumo Sacerdote, Xesucristo. O noso Sumo Sacerdote, Xesucristo, é o “sacerdote [...] na tenda verdadeira, que erixiu o Señor, non un home” (Heb. 8:1, 2). Paulo explicou que Xesús “ten un sacerdocio imperecedeiro, xa que dura para sempre”. E engadiu que el é un sacerdote “sen pecado, separado dos pecadores” e que, a diferenza dos sumos sacerdotes de Israel, “non necesita ofrecer sacrificios cada día” polos seus propios pecados. w23.10 páx. 26 pars. 8, 9
Luns 26 de maio
O primeiro ceo e a primeira terra xa pasaran (Apoc. 21:1).
“O primeiro ceo” refírese ós gobernos políticos influenciados por Satanás e os seus demos (Mat. 4:8, 9; 1 Xoán 5:19). Moitas veces, a Biblia usa a palabra “terra” cando fala dos seus habitantes (Xén. 11:1; Sal. 96:1). Así que, “a primeira terra” é a sociedade humana malvada que existe na actualidade. Xehová non se limitará a reparar o “ceo” e a “terra” actuais, senón que os substituirá por completo. No seu lugar establecerá “un ceo novo e unha terra nova”, é dicir, un goberno e unha sociedade humana completamente novos. Deus fará que a Terra e os humanos se volvan novos levándoos á perfección. Tal e como predixo Isaías, toda a Terra se converterá nun fermoso xardín, como era o de Edén. Nós tamén nos volveremos novos cando Xehová alivie por completo todo o noso sufrimento. Curará os coxos, os cegos e os xordos e incluso resucitará as persoas que morreron (Is. 25:8; 35:1-7). w23.11 páx. 4 pars. 9,10
Martes 27 de maio
Estade preparados (Mat. 24:44).
A gran tribulación empezará de repente (Mat. 24:21). Pero, a diferenza doutro tipo de desastres, a gran tribulación non será un suceso inesperado, porque Xesús xa avisou os seus seguidores hai uns 2000 anos de que estivesen preparados para ese día. Se estamos preparados seranos máis fácil aguantar durante eses momentos tan difíciles e axudarlles a outros a facer o mesmo (Luc. 21:36). Necesitaremos aguante para obedecer a Xehová e confiar en que el nos vai protexer. Como reaccionaremos se os nosos irmáns perden algunhas ou tódalas súas cousas materiais? (Hab. 3:17, 18) Necesitaremos compaixón para darlles a axuda que precisen nese momento. E que faremos se, cando nos ataque unha coalición de nacións, temos que convivir durante un tempo cos nosos irmáns? (Ezeq. 38:10-12) Para poder superar eses momentos difíciles necesitamos sentir un amor forte por eles. w23.07 páx. 2 pars. 2, 3
Mércores 28 de maio
Mirade, logo, con tino como camiñades: non coma atolados senón coma sensatos, aproveitando ben este tempo (Ef. 5:15, 16).
Os matrimonios poden aprender do exemplo de Áquila e Priscila, unha parella moi querida polos cristiáns do primeiro século (Rom. 16:3, 4). Eles facían cousas xuntos, como traballar, predicar e axudar a outros (Feit. 18:2, 3, 24-26). De feito, sempre que a Biblia fala deles, menciónaos xuntos. Como poden os matrimonios imitalos? Se estás casado, pensa en tódalas cousas que tedes que facer no voso día a día. En vez de facelas por separado, sería posible que fixésedes algunhas xuntos? Por exemplo, Áquila e Priscila predicaban xuntos. E vós? Poderiades facer plans para predicar xuntos con regularidade? Áquila e Priscila tamén traballaban xuntos. É probable que vós non teñades o mesmo traballo, pero poderiades facer xuntos as tarefas da casa? (Ecl. 4:9) Se vos axudades un ó outro, teredes tempo para falar e sentiredes que sodes un equipo. w23.05 páxs. 22-23 pars.10-12
Xoves 29 de maio
Cando teño medo, confío en ti (Sal. 56:4 [56:3, TNM]).
Todos temos medo ás veces. Por exemplo, cando o rei Xaúl perseguía a David para intentar matalo, el decidiu fuxir a Gat, unha cidade filistea. Pero Áquix, o rei desa cidade, rapidamente se deu conta de que David era o poderoso soldado que matara a decenas de miles de filisteos. Así que, David “colleulle medo” a Áquix, pois non sabía o que este podería facerlle (1 Sam. 21:11-13 [10-12, TNM]). Como superou os seus temores? No Salmo 56 David expresa como se sentía mentres estaba en Gat. Neste salmo, David explica claramente por que tiña medo, pero tamén se pode ver que lle axudou a superalo. Cando sentiu temor, confiou en Xehová. E tiña boas razóns para facelo (Sal. 56:1-3, 11, TNM). Coa bendición de Deus, David usou unha estratexia pouco común pero moi efectiva: finxiu estar tolo! Agora Áquix xa non o vía coma unha ameaza, senón coma un estorbo. Grazas a iso, David puido escapar (1 Sam. 21:14–22:1 [21:13–22:1, TNM]). w24.01 páx. 2 pars. 1-3
Venres 30 de maio
Tamén os vencerán os chamados, os escolleitos e os fieis que están con El (Apoc. 17:14).
De quen se está falando no texto de hoxe? Dos unxidos resucitados. Así que, despois de que o último dos unxidos que estea na Terra sexa levado ó ceo, pouco antes do final da gran tribulación, unha das primeiras tarefas que recibirán será loitar. Despois de ser levados ó ceo, servirán xunto con Xesús e os seus anxos e loitarán na guerra final contra os inimigos de Deus. Pensa nisto: na Terra, algúns dos cristiáns unxidos son maioriños e están débiles. Pero, unha vez resucitados no ceo, serán criaturas espirituais poderosas e inmortais ás que se lles encargará loitar ó lado do seu Rei Guerreiro, Xesucristo. Despois da guerra de Armaxedón traballarán con Xesús para axudarlle á humanidade a alcanzar a perfección. Non hai dúbida de que o apoio que lles darán dende os ceos ós seus queridos irmáns da Terra será incluso mellor do que poderían darlles como humanos imperfectos. w24.02 páx. 7 pars. 15, 16
Sábado 31 de maio
Seguide andando de acordo co espírito e así non faredes realidade ningún desexo da carne (Gál. 5:16).
Hai algúns que xa están preparados para dedicarse e bautizarse pero non se atreven a dar estes pasos. Quizais teñan medo de cometer un pecado grave e que os saquen da congregación. Se ese é o teu caso, podes estar seguro de que Xehová che dará todo o que necesitas para que sexas capaz de seguir servíndoo dunha forma que a el lle agrade (Col. 1:10). El demostrou que pode facelo porque xa lles axudou e lles deu as forzas necesarias a moitos servos seus (1 Cor. 10:13). Esta é unha das razóns polas que relativamente poucas persoas son sacadas da congregación cristiá. Xehová encárgase de que teñamos todo o que nos fai falta para seguir sendo fieis. Todo ser humano imperfecto sente a tentación de facer o mal (Sant. 1:14). Pero está nas túas mans escoller se vas ceder ou non. Ó fin e ó cabo, es ti quen decide que tipo de vida queres levar. Aínda que algunhas persoas afirmen o contrario, podes aprender a controlar os teus impulsos. w24.03 páx. 5 pars. 11, 12